viernes, 21 de octubre de 2016

SAMAÍN 2016

A festa do Samaín é o final do verán e o comezo do ano celta. Na noite do trinta e un de outubro ao primeiro de novembro din que se abren as portas do Sidh, o mundo do máis alá, onde se atopan os deuses, os heroes e os defuntos e que hai unha interconexión entre os dous mundos, o dos vivos e o dos mortos. A liña que os separa faise máis fina e permite a comunicación entrámbolos dous mundos, polo que se corre o risco de que quen se mergulle no outro mundo sen estar preparado, pode quedar nel.Hai un paralelismo co que sucede fóra; o sol perde forza, hai menos luz e os ritmos de crecemento da natureza son máis lentos.
A festa do Samaín foi cristianizada coma a de Tódolos Santos e a seguinte de Defuntos, onde xa os celtas lle rendían culto ás ánimas e que o cristianismo recolleu coma culto ás ánimas do Purgatorio.
No Samaín, os celtas procuraban estar a ben con tódolos espíritos dos mortos, para o que facían unhas festas nas que participaba todo o pobo: collían as caveiras que tiñan dos recordos das batallas e alumeaban con elas os castros poñéndolle fachos ou candeas acesas. Conseguían con isto dar un aspecto fantasmagórico a todo o contorno.
Tanto as lendas galegas coma as irlandesas din que os habitantes destas terras foron a Irlanda en varias viaxes e levaron os seus costumes, filosofía e relixión, entre as que estaba a festa do Samaín, a festa dedicada a Dagda.
O Samaín é unha festa tipicamente celta e que en Galicia ata hai pouco tempo estivo disfrazada coma culto aos santos cristiáns.

Pola nosa banda, este costume de esculpir caveiras nas cabazas polo mes de Santos era un pasatempo e unha trasnada que aínda pervive na memoria dos nosos avós. Cando mozos, tiñan o costume de tallar caras fantasmais nas cabazas
e poñelas, cunha candea dentro, no alto dos camiños ou aboiando nunha silveira co fin de arrepiar e por medo nas xentes que por alí acertasen a pasar.
É moi aventurado asegurar que este costume estea directamente vencellado cos costumes do mundo celta, xa que non existen estudos rigorosos sobre as orixes deste costume no noso país.
Este costume deu lugar a numerosas lendas, e se premes aquí podes consultar unha das máis coñecidas: a Lenda da cabaza.
ACTIVIDADES
1. Descrición da cabaceira 
2. A cabaza na cociña.
3. Responsos para unha noite de Samaín.